Friday 17 de May de 2024

O Centro de Estudos Galegos de Salamanca renova o seu lectorado de lingua, literatura e cultura galegas


As persoas aspirantes á praza de lector ou lectora poderán presentar a súa solicitude ata o día 16 de xuño

O Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) fixo pública esta semana a convocatoria dunha nova praza de lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Salamanca. Esta convocatoria vénse sumar ás dos pasados días 12 e 21 de maio, que ofreceron 12 prazas en lectorados de Barcelona, Reino Unido (Bangor), Alemaña (Berlín, Heidelberg, Kiel e Leipzig), Polonia (Varsovia), Italia (Roma), Portugal (Lisboa), Croacia (Zádar) e Brasil (Río de Xaneiro e São Paulo).

O prazo de presentación de solicitudes para optar ao lectorado de Salamanca estará aberto ata o día 16 de xuño de 2016.

Requisitos
Entre outros requisitos, os concorrentes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Lilteratura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. A idade máxima dos aspirantes a esta praza será de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Rede de Centros de Estudos Galegos
O Centro de Estudos Galegos de Salamanca, onde o novo lector ou lectora terá que realizar o seu labor, forma parte da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa. Estes centros créanse e sostéñense mediante convenios de colaboración que subscribe coas universidades a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- para o coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A maioría destes centros -en concreto, 27- vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.